17-09-19 - CCU Monforte

Monforte escenifica o xoves día 19 a revitalización do seu comercio local

O CCU de Monforte vén desenvolvendo desde o pasado 7 de setembro unha campaña de sensibilización co comercio local. Comezábase cun peche simbólico e empapalado dos escaparates dos establecementos durante toda a fin de semana, co obxectivo de trasladar o que sería unha cidade sen negocios locais.

Coincidindo co peche, desenvolvéronse varias performances nos establecementos comerciais, nas que actores e veciños do concello improvisaban e debatían sobre as preocupacións ás que se enfrenta o sector. Estas performances vanse publicando periódicamente nas redes sociais do CCU de Monforte.

Enquisas sobre hábitos de consumo, flyers e vinilos de chan nos que se fala das diferenzas entre comprar no comercio local e non facelo, forman parte tamén desta campaña que remata a súa presenza nas rúas este xoves, día 19.

O día 19, ás 20.30, na Praza de España o que fora primeiro presidente do CCU e un dos promotores da iniciativa, Ovidio Pérez Reñones, lerá un manifesto sobre o comercio local. Despois do manifesto celebrarase un funeral simbólico do comercio local que percorrerá a Rúa Comerio, Rúa das Hortas, Avda. de Galicia e Rúa Cardenal para regresar á Praza de España onde se lerá un panexírico para revitalizar ao comercio local.

O CCU anima a todos os comerciantes e veciños en xeral a participar desta cita que espera ser un revulsivo para que veciñanza e comercio camiñen da man nunha nova etapa na que Monforte se siga consolidando como capital da Ribeira Sacra.










© 2017 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com