12-07-19 - CCU Monforte

Axudas para impulsar a ecoinnovación no comercio de proximidade galego e presentación da plataforma de ticket dixital

O pasado mércores, o xerente do CCU de Monforte asistiu na Finca da Rocha, en Santiago de Compostela, á xornada "Comercio 360 Galicia, Comercio de Futuro".

Durante esta xornada presentouse unha liña de axudas da Xunta de Galicia que busca non só contar cun comercio máis moderno e competitivo, senón contribuír ao coidado do planeta, a través dun comercio responsable e sustentable. Como exemplo déronse a coñecer varios modelos de negocio sustentados nestes principios como Ecoembes, Lily and White, Orballo Innovacións Forestais, Asociacións de Redeiras ou Ecoalf.

Con estas axudas, que se poden solicitar xa ata o próximo 9 de agosto, promoverase a utilización de ecoenvases, a través da utilización de materiais biodegradables e a progresiva eliminación dos plásticos ademais de promover a implantación e posta en marcha de proxectos baseados na economía circular, impulsando actividades como a reciclaxe.

Nesta xornada tamén puidemos asistir á presentación da Plataforma de Ticket Dixital, impulsada xunto á Federación Galega de Comercio e á que xa se poden adherir de forma gratuíta todos os asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte.

Entre as principais vantaxes do ticket electrónico destacouse o poder achegar unha maior comodidade e garantía tanto aos clientes como aos propios comerciantes, á vez que se minimiza o uso do papel e os contaminantes vinculados á impresión.










© 2017 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com