O Centro Comercial Urbano de Monforte é unha asociación multisectorial na que teñen cabida todos os autónomos e comerciantes con negocios situados na área urbana de Monforte de Lemos, capital da Ribeira Sacra. Na actualidade conta con máis de 150 establecementos asociados.
Desde a súa creación en abril de 2003, moitas foron as iniciativas que se puxeron en marcha desde esta asociación, a pasarela de moda profesional "Monforte Monumental", a primeira pista de patinaxe da comarca, as feiras de oportunidades, os concertos e sorteos ou as festas temáticas de verán son só algúns exemplos. O seu gran dinamismo valeulle o recoñecemento como unha das asociacións de comerciantes máis activas de Galicia converténdose nos últimos anos nun dos principais dinamizadores económicos da comarca e probablemente no maior xerador de emprego da nosa cidade.
Os nosos asociados non se limitan unicamente a participar na dinamización da zona comercial, tamén están presentes de forma activa en diferentes proxectos de índole social colaborando con asiduidade con distintos organismos e colectivos culturais, deportivos e de promoción turística, o que repercute en beneficio dos nosos veciños. Reinvestir o máximo posible en Monforte é un dos grandes obxectivos dos nosos asociados como mostra de agradecemento á cidade que os acolle.
O compromiso desta asociación con Monforte é incuestionable e o labor que realiza, en ocasións invisible para o gran público, pon de manifesto a importancia de contar cun sector comercial forte e comprometido cos seus clientes.
AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…
…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.
Merca en Monforte, e... sinte #lemosía!