PARTICIPA NO “RALLY DO COMERCIO 2023” E GAÑA UN PREMIO ÚNICO VALORADO EN 2.800€! (Do 24 abril ao 12 maio)

 

O "Rally do Comercio 2023" é unha campaña de dinamización comercial organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte de Lemos en colaboración con 35 establecementos asociados (ver Bases do Sorteo). Trátase dunha iniciativa na que podes participar no sorteo dun premio único valorado en 2.800€. A través desta campaña, preténdese fomentar o comercio local e recompensar a fidelidade dos clientes que compren nos 35 establecementos participantes.
 
Non perdas a oportunidade de levar este espectacular premio!
 
 
COMO PODES PARTICIPAR?
 
É moi sinxelo, só tes que realizar compras entre o 24 de abril e o 12 de maio de 2023 en calquera dos 35 establecementos participantes (ver Bases do Sorteo) e depositar os teus tickets de compra nas urnas habilitadas para este fin, ¡sen esquecer incluír os teus datos de contacto! (nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto).
 
 Con cada compra estarás un paso máis preto de levar o premio!
 
 
QUE PREMIO PODES GAÑAR?
 
2.800€ en compras sen gastar un euro do teu peto! Poderás gastar ata 80€ de balde en cada un dos 35 establecementos participantes na campaña.
 
 
CANDO SERÁ O SORTEO?
 
O sorteo terá lugar na Praza de España de Monforte de Lemos. Será o venres 12 de maio de 2023 ás 21:00 horas. Se resultas agraciado/a no sorteo, é imprescindible que esteas presente fisicamente no lugar do sorteo no momento da selección do ticket gañador. En caso contrario, perderías o dereito ao premio e, pasados 5 minutos sen avisar da túa presenza, procederase a extraer outro ticket de forma aleatoria
 
 
CANDO PODERÁS GOZAR DO PREMIO?
 
A persoa premiada poderá desfrutar do seu premio o sábado 13 de maio de 2023 no horario establecido pola organización: de 10.00h a 14.00h pola mañá e de 17.00h a 20.00h pola tarde.
 
7 horas para intentar gastar 2.800€ en 35 establecementos comerciais!
 
Non te preocupes se non tes tempo para visitar todos os establecementos participantes, pero ten en conta que se decides non facelo ou non che dá tempo no horario establecido, perderás o dereito ao gasto dos 80€ por cada comercio que non visites. Por outra banda, se realizas unha compra inferior a 80€ nalgún establecemento, a diferenza perderase e se a compra fora superior aos 80€, o incremento correrá a cargo do propio premiado.
 
Non perdas a oportunidade de gañar este fantástico premio e apoia ao comercio local participando no “Rally do Comercio 2023”!
 
 
BASES DO SORTEO "RALLY DO COMERCIO 2023"
 
1. O “Rally do Comercio 2023” é unha campaña de dinamización comercial organizada polo Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte coa colaboración de 35 establecementos comerciais asociados.
 
2. Os 35 establecementos comerciais asociados ao CCU de Monforte que participan no “Rally do Comercio 2023” son: Librería Entrelibros, Mercería Carmen, Carpe Diem, Lambetadas, Fiesta Globos, A Tenda das Viandas, Bazar Caurel, Librería Agrasar, Bazar Lago, Cactus Rose, Joyería Domingo, Joyería Camilo, Da Nosa Terra, Nayades, Quitapenas, Raúl e hijos, FYM Moda, Sabrina Moda, Lencería Intimas, Kukin Calzado Infantil, Terras de María Castaña, Dos Pies Zapaterías, El Rincón de Ariadna, Pleximar, Parafarmacia Ortopedia Madriñán, Parafarmacia Central, Ortopedia Buitron, Apisacra, Wellness Area, Alain Afflelou, Doble M, Óptica de la Peña, O Colmado, Librería Os Fedellos e Cafés de Sofá
 
3. A Campaña de Dinamización Comercial ten como obxectivo incentivar as compras nos establecementos participantes e premiar a fidelidade dos clientes.
 
4. A campaña terá lugar desde o 24 de abril ata o 12 de maio de 2023.
 
5. Durante o período de vixencia da campaña, os clientes que realicen compras nalgún dos 35 establecementos que participan no “Rally do Comercio 2023” poderán participar no sorteo dun premio único valorado en 2.800€. Só poderán participar no sorteo as persoas físicas maiores de idade residentes no territorio nacional.
 
6. Para poder participar no sorteo, os clientes deberán anotar os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto) nos tickets de compra e depositalos nalgunha das urnas habilitadas en cada un dos 35 establecementos participantes. Cantas máis compras realicen, máis posibilidades terán de gañar o premio.
 
7. Os propietarios dos negocios asociados ao CCU de Monforte non poderán participar no sorteo, independentemente de se os seus establecementos participan ou non nesta campaña de dinamización.
 
8. Premio do Sorteo: O gañador ou gañadora do sorteo terá dereito a realizar compras gratuítas por un valor máximo de 80€ en cada un dos 35 establecementos comerciais participantes na campaña, o que supón un premio total de 2.800€ en compras gratuítas. O CCU de Monforte será o encargado de pagar todas esas compras, ata un máximo de 80€ por comercio. É dicir, a persoa gañadora poderá gastar un total de 80€ en cada comercio participante sen ter que pagar nada do seu peto.
 
9. O proceso de selección do gañador ou gañadora do sorteo realizarase de maneira totalmente aleatoria, mediante a extracción ao azar dun ticket de compra de entre todos os que fosen depositados nas urnas habilitadas para este fin. A selección do ticket gañador terá lugar durante o sorteo presencial que se celebrará o venres 12 de maio ás 21.00 horas na Praza de España de Monforte de Lemos. Para poder ser considerado gañador ou gañadora do sorteo, é imprescindible que a persoa titular do ticket seleccionado estea presente fisicamente no lugar do sorteo no momento da selección do mesmo. Se a persoa agraciada non se pon en contacto cos organizadores do sorteo, no prazo de 5 minutos procederase a extraer outro ticket de forma aleatoria, e así sucesivamente ata que se atope un gañador ou gañadora presente. É responsabilidade dos participantes asegurarse de estar presentes no lugar e momento do sorteo en caso de resultar agraciados, xa que pola contra perderían o dereito ao premio. A persoa gañadora do sorteo, deberá presentar o seu DNI no momento de identificarse para poder facer efectivo o seu premio.
 
10. Durante o sorteo presencial, e unha vez que se seleccionou á persoa gañadora, procederase a extraer outros dous tickets de forma aleatoria co fin de elixir a dúas persoas suplentes. No caso da selección das persoas suplentes, non será necesario que estean presentes fisicamente durante o sorteo. É importante destacar que as dúas persoas suplentes só poderán optar ao premio no caso de que o gañador ou gañadora orixinal non cumpra coas condicións de participación, xa que en caso contrario non terán dereito a recibir o premio.
 
11. A persoa agraciada no sorteo deberá gozar o seu premio obrigatoriamente o sábado 13 de maio de 2023. As compras nos 35 establecementos participantes no “Rally do Comercio 2023”, terán que realizarse no horario marcado pola organización: de 10.00h a 14.00h pola mañá e de 17.00h a 20.00h pola tarde, é dicir, o tempo máximo dispoñible para realizar as compras será de 7 horas. Durante o transcurso das compras, o premiado ou premiada irá acompañado en todo momento por algún responsable do CCU de Monforte. É importante sinalar que o gañador ou gañadora non está obrigado/a visitar os 35 establecementos participantes no “Rally do Comercio 2023”, pero se decide non facelo ou non lle dá tempo a facelo no horario establecido, perderá o dereito ao gasto dos 80€ por cada comercio que non visite. Doutra banda, se realiza unha compra inferior a 80€ nalgún establecemento, a diferenza pérdea e se a compra fose superior aos 80€, o incremento correrá a cargo do propio premiado.
O premio non poderá ser trocado por diñeiro en efectivo nin por calquera outro produto ou servizo distinto dos establecidos nas bases do sorteo. É responsabilidade da persoa agraciada verificar o estado e funcionamento dos produtos comprados antes de abandonar o establecemento. Calquera reclamación posterior deberá ser tratada directamente co establecemento en cuestión. En caso de haber produtos con garantía, a persoa agraciada deberá conservar os comprobantes de compra e a garantía correspondente. O CCU de Monforte resérvase o dereito para modificar ou anular o premio en caso de detectar algún tipo de irregularidade, incumprimento das bases do sorteo ou falta de colaboración por parte da persoa agraciada.
 
12. O premiado ou premiada poderá transferir o seu premio a outra persoa previo aviso á organización do sorteo. Esa persoa deberá ser maior de idade e estar perfectamente identificada coa suficiente antelación.
 
13. A persoa gañadora do sorteo autoriza á organización do “Rally do Comercio 2023” a publicar o seu nome e apelidos, así como a utilizar a súa imaxe en calquera medio relacionado co sorteo.
 
14. A participación no sorteo implica a aceptación das presentes bases. O Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte resérvase o dereito para modificar en calquera momento as bases da campaña, así como a suspender ou cancelar o sorteo en caso de forza maior.
 
15. O CCU de Monforte garante a protección dos datos persoais dos participantes e comprométese a cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos. Os datos persoais solicitados serán utilizados unicamente para a xestión do sorteo e non serán cedidos a terceiros sen o consentimento expreso dos participantes.

 

AS EMOCIÓNS MOVEN O MUNDO…

…e soamente determinados lugares provocan algunhas delas.

Merca en Monforte, e... sinte #lemosía! 

© 2023 . Todolos dereitos reservados | Páxina oficial do CCU de Monforte | Diseño by 27400.com